Finalizadas as obras da senda do Barbaña tras un investimento de 5,4 millóns de euros

OurenseXa
O novo itinerario de 4 quilómetros atravesa puntos clave da cidade, como a estación intermodal, o pavillón Paco Paz, a avenida das Caldas, a praza de Abastos e o paseo do Barbaña
xunta-senda-barbaña
18 Dec 2025

A Xunta de Galicia concluíu o proxecto que une a cidade de Ourense a través dun eixo peonil e ciclista que atravesa a urbe de norte a sur. A actuación, que supuxo un investimento de 5,8 millóns de euros, foi presentada hoxe pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e á directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Desde a consellería explican que o último tramo intervindo correspondeu ao paseo da marxe do río Barbaña, onde se renovaron 1,1 quilómetros de pavimento para segregar o carril bici da zona peonil entre Os Remedios e a praza de Abastos. Ademais, ampliouse o paseo, creando un novo tramo que conecta a praza de Abastos con A Molinera, incluíndo un cruce mellorado cara á avenida Pardo de Cela, facilitando así a conexión coa senda que chega pola Ponte Vella.

Este itinerario de 4 quilómetros atravesa puntos clave da cidade, como a estación intermodal, o pavillón Paco Paz, a avenida das Caldas, a praza de Abastos e o paseo do Barbaña, unindo equipamentos e lugares de interese e enlazando tamén coas Burgas e o centro histórico da cidade.

Martínez Allegue destaca que esta nova opción de mobilidade sostible permite desprazamentos rápidos e prácticos, por exemplo, en bicicleta desde a intermodal ata Expourense en apenas 15 ou 20 minutos. Ademais, Allegue recordou que a Xunta avanza noutro sendeiro para Ourense, situado no barrio de Reza, cuxas obras xa foron licitadas por un importe de 1,5 millóns de euros, e que contempla 2,8 quilómetros de itinerarios peonís.

Este proxecto forma parte da Estratexia de Mobilidade Sostible da Xunta, impulsada con fondos Next Generation, e súmase a outros eixos xa executados en cidades como Santiago de Compostela, onde conecta a intermodal con San Caetano.

⚙ Configurar cookies
0.080434083938599