Habilitan un itinerario alternativo de entrada e saída á cidade polo corte de tráfico en Marcelo Macías
A Policía Local do Concello de Ourense habilitou este luns un itinerario alternativo adicional de tráfico de entrada e saída da cidade logo do inicio das obras de reparación do pavimento da rúa Marcelo Macías no seu cruzamento con Martínez Sueiro.
Así, os vehículos que desexen saír da cidade desde Marcelo Macias, poderán facelo por Vázquez Núñez e xirar á esquerda na rúa Nicomedes Pastor Diaz para saír pola Rúa dos Limoeiros. Os vehículos poderán entrar á cidade por Rúa Camiño Romano, Castelo Ramiro e Cabeza de Vaca.
As obras requiren manter pechado ao tráfico o tramo da rúa Marcelo Macías que vai desde Vázquez Núñez até a rotonda de acceso desde a Nacional 525, ata este venres.
Amais do habilitado este luns, os itinerarios de circulación alternativos son as rúas Camiño Romano e o último tramo do Camiño dos Ponxos (desde a zona de xogos biosaudables). Ambos teñen sentido único de circulación: o Camiño Romano como vía de acceso ao barrio do Polvorín e o Camiño dos Ponxos cara a Barbadás.