Investigadores do campus de Ourense avanzan nun sistema para dixitalizar o mantemento das vías ferroviarias

O grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da Universidade de Vigo, xunto coa empresa Copasa, están a desenvolver o proxecto estatal Airis, que busca dixitalizar e automatizar a inspección das vías ferroviarias de alta velocidade para mellorar a súa rendibilidade e seguridade.
Este pasado martes, o campus de Ourense acolleu unha mesa redonda sobre o presente e futuro da dixitalización no mantemento ferroviario, presentada por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, e moderada por Santiago García, xerente da Área Territorial Norte de Renfe.
Participaron no encontro Héctor Argüelles, técnico de enxeñaría de produción de ancho métrico de Renfe (base de mantemento O Berrón); Juan Manuel Silva, técnico de enxeñaría de produción de alta velocidade de Renfe (base de mantemento de Redondela); Luis Manuel Díaz, responsable de maquinaria de mantemento ferroviario de Copasa; e Eduardo Ríos, investigador do grupo Aerolab.
O proxecto Airis (Adaptive and Intelligent Railway Inspection System) está financiado con 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Axencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e fondos europeos NextGeneration. Participa o grupo Aerolab da UVigo, con sede en Ourense, que pertence ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae), coordinado polo profesor e investigador Higinio González. Copasa, socio do proxecto, é unha multinacional ourensá especializada en infraestruturas.
Un dos grandes retos do sector ferroviario é mellorar a rendibilidade das vías de alta velocidade, que requiren custes de construción, inspección e mantemento tres veces superiores ás vías convencionais. Isto impacta no prezo para o usuario e na taxa de uso.
Airis pretende reducir estes custes mediante tecnoloxías como a intelixencia artificial, dixitalización e mantemento preditivo, desenvolvendo sistemas de inspección e algoritmos inéditos no mercado que permitan automatizar as inspeccións, diminuír a dependencia humana e aumentar a frecuencia de recollida de datos.
O obxectivo é crear para 2026 un sistema centralizado que reciba datos vía rede sen fíos 5G de sensores ópticos instalados en dresinas ferroviarias. Este sistema detectará fallos como fendas en travesas, ausencia de parafusos ou clips, cambios na xeometría do balastro ou presenza de area en treitos de vía en placa. Poderase instalar inicialmente nunha dresina, con capacidade para ampliarse a varias que funcionen sincronizadas cun sistema central de alarma.
“O noso sistema usa cámaras dixitais e tecnoloxía Lidar para detectar patoloxías como deformación ou movemento do balastro, parafusos de suxeición e fendas nas travesas”, explica Higinio González. A un ano e medio de rematar o proxecto, xa contan cun prototipo que será validado primeiro en vías de Galicia e despois na liña A Meca-Medina en Arabia Saudí, onde Copasa xestiona o mantemento.