Investigadores do campus de Ourense poñen o foco na prevención para evitar incendios forestais

Desde o Campus de Ourense da Universidade de Vigo coordínase Storcito, unha ambiciosa iniciativa europea que busca dar un salto tecnolóxico na loita contra os incendios forestais. Financiado con 4,9 millóns de euros a través do programa Horizonte Europa, o proxecto porá o foco en desenvolver ferramentas avanzadas para anticiparse ao lume e reducir o seu impacto en zonas rurais.
O equipo ourensán, encabezado por Fernando Veiga, Maribel Doval e María Fernández, liderará o deseño de índices de risco de incendio baseados en datos xeoespaciais e sociais, cunha precisión a escala métrica. Esta tecnoloxía permitirá identificar con maior exactitude as áreas máis vulnerables e adaptar as estratexias de prevención a cada territorio.
Outra das apostas innovadoras de Storcito é o uso de gando autóctono guiado por GPS para o “pastoreo intelixente” de zonas con alta carga vexetal, reducindo así o combustible dispoñible para as lapas. Esta acción completarase cun estudo sociolóxico sobre a percepción do lume nas comunidades rurais e coa creación de materiais educativos para fomentar a cultura da prevención, tanto en Galicia coma en Grecia.
O consorcio, integrado por once socios de cinco países europeos, probará estas solucións en diferentes ecosistemas rurais que representan as catro zonas climáticas de Europa. Desde Ourense subliñan que o obxectivo non é só combater o risco inmediato de incendios, senón tamén fortalecer a resiliencia das comunidades rurais a longo prazo, nun contexto de cambio climático e abandono do medio rural.
A Universidade de Vigo lembra que, cun terzo da poboación da UE e o 83 % do territorio comunitario, o medio rural concentra recursos e ecosistemas esenciais. Protexelo fronte ás lapas non é só unha cuestión medioambiental, senón tamén social e económica. Storcito quere demostrar que a tecnoloxía, combinada co coñecemento local, pode ser unha aliada decisiva para cambiar o futuro dos montes europeos.