Investigadores do campus de Ourense promoven un proxecto para optimizar o cultivo de pataca

O grupo de investigación AEROLAB da Universidade de Vigo, con sede no campus de Ourense, está a desenvolver un proxecto pioneiro de agricultura de precisión na comarca da Limia, principal zona de cultivo extensivo de Galicia e referente na produción de pataca, con máis de 130.000 toneladas anuais.
A iniciativa, financiada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do programa InnovaPeme, ten como obxectivo mellorar a eficiencia no uso de insumos agrícolas e combustible, reducindo custos e minimizando o impacto ambiental en liña coas directrices europeas.
Para iso, o equipo investigador realizou voos con drones e analizou imaxes satelitais multiespectrais que permiten monitorizar o estado dos cultivos e do solo. Mediante algoritmos xeoespaciais, as parcelas dividíronse en zonas con necesidades específicas, o que posibilita axustar as doses de insumos e as intervencións ás condicións reais de cada área.
Actualmente, o proxecto atópase en fase de análise de resultados, na que se avalía o impacto destas técnicas sobre a produtividade, os custos de explotación e o medio ambiente.
Desde o campus ourensán destacan que esta experiencia reforza o papel da agricultura de precisión como ferramenta clave para a modernización do sector primario galego, proporcionando aos agricultores datos fiables para tomar decisións en tempo real e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible.