Jácome acusa á Xunta de "cortar os fondos para as tarxetas moedeiro"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou esta mañá que a Xunta de Galicia “corta os fondos das tarxetas moedeiro”, un recurso que está destinado a axudar as familias con menores en risco de exclusión, para poder adquirir produtos de alimentación.
O Concello de Ourense, como todos os concellos galegos, é a administración que tramita as solicitudes das familias que solicitan esta tarxeta, e realiza os informes de valoración por parte das traballadoras sociais. Porén, “non pode tramitar estas axudas por falta de fondos da Xunta de Galicia”. A consecuencia, explica Gonzalo Jácome, é que quedan fóra deste recurso “moitas familias que tiñan que acceder dada a súa situación económica”
O alcalde argumenta que a Xunta de Galicia “é a administración á que lle corresponde levar o peso das políticas sociais, xunto coa estatal”. Lamenta que neste caso “usa os concellos para facer uns trámites que deberían facer desde a propia Xunta. E o colmo é que teñamos que facer os trámites cando non hai fondos”, subliña o rexedor.
Pérez Jácome censura que a Xunta de Galicia, cun orzamento anual de 13.500 millóns de euros, “gaste en temas superfluos en vez de atender o gasto social”, e insta o goberno autonómico a que dote de forma inmediata fondos para estas tarxetas, “algo vital que é da súa competencia”.