Jácome convocará unha nova comisión de pleno para sacar adiante as 10 modificacións de crédito tumbadas este venres

OurenseXa
O goberno municipal negociará individualmente cos grupos políticos as propostas que prevén destinar 22 millóns de euros a diferentes áreas do Concello
jácome
Gonzalo Pérez Jácome
20 sep 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, convocará unha nova sesión extraordinaria da Comisión de Pleno do Concello o vindeiro mércores, 25 de setembro, para sacar adiante as 10 propostas de modificación de créditos, por un importe de 22 millóns de euros, elaboradas polo goberno municipal para reforzar diferentes áreas do Concello.

Así o comunicou esta mañá aos grupos políticos nunha xunta de voceiros celebrada na Alcaldía logo de que, por acordo de PP, PSdeG-PSOE e BNG, estes expedientes foran retirados, para mellor estudo, da orde do día da comisión de pleno que se celebrou a primeira hora da mañá de hoxe.

O alcalde defendeu a importancia destas propostas, que suporán unha inxección económica de 22 millóns de euros para reforzar a dotación orzamentaria de diferentes áreas municipais (para pago a provedores, arranxos de parques e zonas verdes, obras nos barrios, gastos da área social…) e avanzou que negociará individualmente o apoio a estas modificacións con cada un dos grupos políticos.

O alcalde explica que convocou a xunta de portavoces dada “a situación tremendamente grave que se producía”, logo de que outros grupos políticos “manifestasen que non ían tratar ningunha modificación de crédito até que non se solucionase o tema da Policía Local e a estabilización de emprego que, no meu criterio, é un sistema para facer fixos os que meteron enchufados”.

Este escenario supoñía, explica, un “secuestro do Concello”, ao impedir realizar as achegas económicas que necesitan diferentes áreas municipais. Ante a gravidade desta situación, di o rexedor, accedeu a convocar unha xunta de portavoces. No seu transcurso, o alcalde apreciou un “cambio de criterio”, por parte dos grupos de PP e PSdeG-PSOE: “queren falar, coñecer cousas sobre estes expedientes, polo que se negociará individualmente con cada grupo político”, advertindo que as modificacións de créditos irán a pleno “si ou si”.

PP, PSOE e BNG esixen a paralización da modificación do Plan de Estabilización dos traballadores municipais

Os tres grupos da oposición rexeitaban esta mañá a aprobación das modificacións de crédito propostas polo alcalde tras coñecerse a decisión do rexedor de suprimir as horas extras da Policía Local, o que provocou que na noite do xoves só houbera dous axentes de policía operativos na cidade, dos que un estaba encargado do teléfono.

Con este motivo, PP e PSOE pedían a convocatoria urxente dunha xunta de portavoces para analizar a situación e esixir ao alcalde que paralice a modificación do Plan de Estabilización dos traballadores municipais.

0.10432291030884