Jácome declara ante o xuíz en calidade de investigado por un presunto delito de apropiación indebida

OurenseXa
A causa parte dunha querela presentada polo exconcelleiro de Democracia Ourensana Telmo Ucha, relacionada coa compatibilidade entre o seu salario público e os ingresos derivados das súas actividades privadas, entre elas AuriaTV
Gonzalo Pérez Jácome
13 Feb 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, declarou este venres no xulgado en calidade de investigado por un presunto delito de apropiación indebida relacionado coa compatibilidade entre o seu salario como rexedor e os ingresos derivados das súas actividades privadas, entre elas a televisión local AuriaTV.

A causa parte dunha querela presentada polo exconcelleiro de Democracia Ourensana Telmo Ucha, quen inicialmente atribuía ao alcalde delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental. Porén, o xuíz Leonardo Álvarez, no auto de admisión a trámite, considerou que os feitos encaixarían nun posible delito de apropiación indebida. No marco da investigación, o maxistrado solicitou ao Concello certificación das retribucións percibidas por Jácome desde 2019 —actualmente superiores aos 75.000 euros anuais— e á Axencia Tributaria as súas declaracións fiscais dos últimos anos.

Segundo o avogado do querelante, Eduardo Sánchez, a documentación recompilada acredita que o rexedor percibiu ingresos tanto públicos como privados durante os últimos seis anos, unha circunstancia que o propio alcalde recoñeceu ante o xuíz, defendendo a súa legalidade e asegurando que nunca a ocultou. A cuestión central que deberá resolverse é se debía solicitar autorización expresa do pleno para compatibilizar ambas actividades, un trámite que se iniciou en 2019 pero que nunca chegou a resolverse, ao ser retirado antes do seu debate.

Durante a xornada tamén declararon varios testemuños, como o daquela responsable da asesoría xurídica municipal, Juan Ramón Costas Núñez, ou o actual xefe da asesoría xurídica, José Javier García Gago.

O alcalde de Ourense evitou dar declaracións aos medios que se atopaban na porta dos xulgados, e únicamente dedicou unhas breves palabras animando aos xornalistas a asistir ao Entroido. Precisamente este venres, o rexedor dará o seu xa tradicional discurso para dar a benvida as festas. O fará, concretamente, ás 20:30 horas na Praza Maior, onde estará actuando a Orquestra Origen.

⚙ Configurar cookies
0.083291053771973