Jácome négase a dar explicacións sobre a situación da Avenida de Portugal durante o pleno

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, rexeitou esta mañá durante o pleno extraordinario no que se debatía a ordenanza da piscina termal de As Burgas dar unha explicación sobre a paralización das obras na Avenida de Portugal.
Os tres grupos da oposición, PP, PSOE e BNG, presentaran unha moción conxunta esixindo ao alcalde información e solucións inmediatas ante a situación desta vía, unha das principais arterias da cidade tanto desde o punto de vista da mobilidade como da actividade económica e social. A paralización, lembran dende a oposición, está a provocar un deterioro urbano e social, con consecuencias negativas sobre a calidade de vida e a actividade económica da zona, ademais de xerar unha crecente desconfianza na xestión municipal.
Por iso, a proposta presentada de forma conxunta instaba o goberno local a ofrecer información detallada sobre o estado do expediente, incluíndo a situación contractual, as causas da paralización e unha previsión real de finalización das obras, cun calendario “claro, público e detallado de execución”. Así mesmo, reclamábase a adopción de medidas urxentes de limpeza, acondicionamento e mellora do estado xeral da rúa, incluíndo a retirada inmediata de materiais acumulados, así como a realización dunha avaliación das perdas económicas sufridas polos negocios da zona e o estudo de posibles medidas de apoio. A moción tamén solicitaba a suspensión inmediata das sancións na área afectada polas obras, á espera dunha solución definitiva á situación.
Con todo, o alcalde negouse a dar explicacións ao respecto alegando que a normativa recolle a posibilidade de non aceptar novos debates nos plenos de carácter extraordinario, polo que a moción terá que ser debatida no pleno de abril ou ben noutro pleno extraordinario convocado expresamente para iso.