Jácome propón eliminar a redución da xornada durante o verán aos funcionarios do Concello

OurenseXa
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome comunica a vontade do goberno municipal de poñer en marcha unha xornada laboral unificada, que se manteña fixa durante os 12 meses do ano
praza_maior_concello_ourense
Praza Maior de Ourense
14 Mar 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo esta mañá unha xuntanza no salón de plenos co persoal responsable de todas as xefaturas de servizos municipais. Nela comunicoulles a vontade do goberno municipal de poñer en marcha unha xornada laboral unificada, que se manteña fixa durante os 12 meses do ano, en substitución da actual, con xornada reducida durante os meses do verán. O alcalde trasladoulles verbalmente esta proposta aos sindicatos con representación no Concello no transcurso da xuntanza da mesa de negociación.

O alcalde lembroulles aos xefes e xefas do servizos municipais que, mentres non se aprobe esta modificación, segue vixente a xornada actual do Concello: de 7.45 a 15.15 horas no inverno, coa posibilidade de que o persoal poida dispoñer de media hora de descanso ao longo do día. “No  Concello de Ourense hai que traballar 7 horas e media cada día, e iso inclúe a media hora de descanso. O horario é de 7.45 a 15.15, e iso significa que se veñen de 8.00 a 15.00 h, como detectamos que están vindo moitos, non poden saír para tomar café. Poden saír a tomar café sempre e cando cumpran as 7 horas e media diarias de traballo, non 7”, explicou o rexedor.

Pérez Jácome lembroulles ás xefaturas de servizo que todo o persoal ten a obriga de cumprir integramente co horario e advertiulles que o goberno municipal abrirá expediente a quen non o cumpra, comezando polos propios xefes e xefas de servizo, dándolles indicación de que fagan extensiva esta advertencia a todo o persoal ao seu cargo.

0.11131596565247