Jácome reúnese co cónsul honorario de Ucraína en Galicia para estudar vías de colaboración

OurenseXa
No encontro abordouse unha proposta de irmandamento coa cidade ucraína de Truskavets así como unha posible colaboración coa Fundación Europeos con Ucraína
jacome-consul-ucraina
Antonio Corredoira Alfonso e Gonzalo Pérez Jácome
15 Jan 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo esta mañá unha reunión co recentemente nomeado cónsul honorario de Ucraína en Galicia, Antonio Corredoira Alfonso, para analizar a situación actual do pobo ucraíno e explorar posibles formas de colaboración entre Ourense e Ucraína.

Durante o encontro, Corredoira expresou o seu agradecemento pola acollida e o apoio que Ourense ten brindado ás persoas refuxiadas desde o inicio do conflito. “Moitos retornan, pero tamén familias con nenos estabilizáronse en Ourense tras unha rápida adaptación”, explicou o cónsul.

Así mesmo, presentoulle ao alcalde unha proposta de irmandamento coa cidade ucraína de Truskavets, un municipio termal de 40.000 habitantes cuxo alcalde xa visitou Ourense nun congreso relacionado co termalismo. A iniciativa busca fomentar a cooperación socioeconómica, encontros empresariais, promoción turística mutua e colaboración cultural e patrimonial. Neste sentido, desde o Concello aseguran que se estudará esta proposta, que será debatida proximamente no Pleno.

Por último, Corredoira informou sobre a labor da Fundación Europeos con Ucraína, que impulsa a cooperación e axuda humanitaria desde diversas administracións e entidades, e que actualmente solicita doazóns de material usado pero en bo estado, como vehículos de bombeiros, furgonetas ou material sanitario, para atender as necesidades básicas da poboación afectada. Desde o Concello explican que tamén se valorará unha posible colaboración a través de doazóns a dita entidade.

⚙ Configurar cookies
0.087407112121582