Jácome veta o concerto para recoller firmas para a reapertura do centro Lusquiños na rúa do Paseo
O goberno municipal denegoulle ao grupo municipal do BNG a súa solicitude de autorización para a ocupación de espazo público o día 15 de xullo, para a celebración dun evento, co título “freeLusquiños”, na rúa do Paseo, xa "que non se axusta á normativa de utilización de espazos públicos, recollida na providencia da Alcaldía do día 10 de abril", sinalan desde o Concello.
Cabe lembrar que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou o pasado mes de marzo que non permitiría ningún tipo de celebración na céntrica rúa ourensá, unha das máis transitadas da cidade.
O goberno local "sospeita que esta solicitude podería ser un ardid para que se autorice un concerto de grupos que demandan a apertura do Espazo Lusquiños anunciado para a dita data, sendo esta unha actividade que non sería autorizable de acordo coa normativa municipal".
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, explica que “a rúa do Paseo non é un espazo axeitado para actividades que supoñan unha grande concentración de xente. Estes eventos deben ser derivados a parques ou prazas da cidade, como xa ocorreu coas feiras da artesanía ou do libro e outros de similares características”. Detalla o rexedor que “este é o criterio que vimos mantendo desde hai tempo, a través dunha providencia que establece os criterios para a autorización nas zonas máis transitadas da cidade e nas vías de tránsito peonil preferente”.
O goberno municipal sospeita que neste caso, a solicitude “é un ardid do BNG para que se autorice un evento, cuxas características non concretan, que non se podería desenvolver neste lugar”, en alusión ao concerto de grupos que demandan a reapertura do Espazo Lusquiños.
A este respecto, engade Pérez Jácome, que “parece mentira que un partido institucional como o BNG, que tivo responsabilidades de goberno municipal recentemente e coñece perfectamente a normativa vixente, utilice esta clase de trampas”, ademais de constituír “unha temeridade”, xa que, ao non explicar que se trata dun concerto, non se poderían activar as medidas de seguridade e organizativas que requiriría unha actividade destas características.
O certo que a reapertura do espazo Lusquiños é algo co que o Goberno Municipal non está de acordo, tal e como o fixo saber o propio alcalde no pasado pleno de xullo, cando referiuse a este centro, pechado desde fai máis dun ano, como una "trapallada".
O espazo, creado en 2015, reabriu as portas en xuño de 2022 tras a pandemia, pero o Goberno Municipal decidía pechalo uns meses máis tarde, prometendo que ía a reformulalo e que o reabriría próximamente. Algo que, finalmente, non pasou.
A xuventude ourensá terá que buscar un novo emprazamento
A xuventude ourensá pide agora a reapertura deste espazo cultural onde as bandas podían ensaiar e grabar os seus temas. Aseguran sentirse desamparados e, por iso, organizaron un concerto para recoller firmas para a reapertura do espazo pero que, finalmente, non se poderá celebrar na rúa do Paseo.
Desde "freelusquiños" acusan ao goberno municipal de querer silenciar o movemento e lembrar que o alcalde "autoriza orquestras fronte a un asilo" mentres non permite "a un grupo de xente nova que reivindica os seus dereitos" levar a cabo un concerto para recoller firmas.
Agora, o movemento terá que buscar un novo espazo para celebrar o seu concerto, no que ían a participar os grupos Fire Plug, Burning Ashes, Bloom, 3 de Copas, Rompetechos, Josemi e Piratas sen Parche.