King África pechará o Gran Desfile do Entroido de Ourense

OurenseXa
As comparsas e carrozas saírán ás 16:30 horas desde Curros Enríquez ata a Alameda
desfile-entroido-ourense
15 Feb 2026

Ourense vivirá este domingo 15 de febreiro unha das xornadas máis esperadas do Entroido co tradicional Desfile de Comparsas e Carrozas, que percorrerá o centro da cidade e repartirá un total de 25.000 euros en premios. As actividades comezarán con sesión vermú e charanga no Casco Vello, que animarán as rúas desde primeiras horas da tarde.

Ás 16:30 horas dará inicio o Desfile do Entroido polas rúas Curros Enríquez, Xoán XXIII, Progreso e Alameda, que este ano repartirá un total de 25.000 euros en premios. Así, ara comparsas con máis de dez participantes, o primeiro premio ascenderá a 1.500 euros, o segundo a 1.000, o terceiro a 800 e catro cuartos premios de 500 euros cada un. As comparsas con menos de dez integrantes recibirán un único premio de 500 euros. Na categoría especial, outorgaranse 500 euros á comparsa máis numerosa e outros 500 euros á máis enxeñosa. A mellor carroza recibirá un premio de 1.000 euros, valorando o deseño, execución e posta en escena.

Ademais, o Concello concederá axudas a todos os grupos que completen o desfile e non consigan premio, ata un máximo de 17.200 euros, repartidas segundo o tamaño dos grupos e se se trata de comparsas ou carrozas. Por exemplo, cada carroza sen premio recibirá 200 euros, mentres que as comparsas con entre 5 e 9 integrantes percibirán 100 euros, e aquelas con máis de 50 compoñentes recibirán 400 euros.

Ás 20:00 horas realizarase a entrega de premios do concurso de comparsas e carrozas na Alameda, onde tamén terá lugar un concerto de King África.

Os festexos provocarán cortes de tráfico desde as 14:30 horas no circuito do desfile, que discorrerá pola avenida de Otero Pedrayo, Curros Enríquez, Xoán XXIII, Progreso e Parada Justel. O tramo da rúa do Progreso permanecerá pechado ata que remate a actuación de King África na Alameda.

PROGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO DE OURENSE

⚙ Configurar cookies
0.08032488822937