La Vuelta Ciclista a España, un éxito de promoción da provincia de Ourense
O presidente provincial, Luis Menor, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, acompañados polos alcaldes dos 12 municipios polos que transcorreu a etapa durante 133km e que culminou en Manzaneda coa emocionante vitoria de Pablo Castrillo destacou a boa acollida da proba. A duodécima etapa, que contou co patrocinio da Deputación, “volveu a ser un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia e contribuirá así a seguir incrementando o número de visitantes a Ourense”, sinalou Luis Menor.
O percorrido que partiu da cidade e pasou polos municipios do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Trives, e culminando na Estación de Montaña de Manzaneda coa emocionante vitoria de Pablo Castrillo, do Kern Pharma.
Na cerimonia de premios, entregou o de gañador de etapa ao corredor oscense. O presidente provincial tivo a oportunidade de compartir o desenvolvemento da etapa xunto ao director de La Vuelta, Javier Guillén, na que estiveron acompañados polos alcaldes dos 12 municipios ourensáns polos que transcorreu a competición. “La Vuelta é, sen dúbida, un dos eventos deportivos de maior proxección no mundo. Grazas ao compromiso da Deputación, volveu a ter a Ourense como protagonista dunha das súas etapas”, explicou Menor.
Lembrou que a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, demostrou ser “un lugar perfecto para o ciclismo con tramos esixentes de gran dureza que discorren nunha contorna inigualable para o deleite dos ciclistas e tamén dos millóns de espectadores que seguen este espectáculo do ciclismo por todo o mundo”. A 12ª etapa da Volta 24, que uniu Ourense e a Estación de Montaña de Manzaneda foi a 3ª etapa da Volta disputada integramente na provincia de Ourense. Tamén foi a 18ª saída de etapa da Volta desde a provincia e a 17ª meta da Volta na provincia. Por iso, Menor agradeceu ao director da Volta que “sempre que esta proba ten a ocasión de vir a Galicia, unha das súas paradas obrigatorias na nosa Comunidade sexa a provincia de Ourense”.