'La Vuelta Femenina 2026' volverá percorrer a provincia de Ourense

OurenseXa
A proba percorrerá o 4 de maio 109 quilómetros en territorio ourensán, entre Lobios e San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Cartelle, A Merca e Taboadela
presentacion-la-vuelta-femenina-ourense
10 Mar 2026

A provincia de Ourense volverá ter un protagonismo especial na próxima edición de 'La Vuelta Femenina', cuxa segunda etapa disputarase integramente por territorio ourensán. A xornada, prevista para o luns 4 de maio, partirá de Lobios e finalizará en San Cibrao das Viñas tras un percorrido de 109 quilómetros.

A etapa comezará cunha saída neutralizada no balneario de Riocaldo, en Lobios, e continuará por varios municipios da provincia. O pelotón atravesará Muíños, Bande, Verea, Celanova, Cartelle, A Merca e Taboadela antes de alcanzar a meta situada na zona de Reboredo, en San Cibrao das Viñas.

A carreira contará cun total de sete etapas, que se disputarán entre o 3 e o 9 de maio, e terá ademais un marcado inicio galego, xa que as catro primeiras xornadas celebraranse nesta comunidade.

A presentación oficial da proba tivo lugar no auditorio municipal de Ribeira, na provincia da Coruña, onde estivo presente o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. Tras o acto, o dirixente provincial subliñou que esta será a segunda ocasión na que a rolda ciclista feminina inclúe a provincia no seu percorrido, lembrando que en 2021 Ourense xa acolleu tres das catro etapas da competición.

Desde a institución provincial destacan que esta colaboración reforza a súa aposta polo deporte de elite e polo impulso do deporte feminino. Ademais, sinalan que eventos destas características xeran un importante retorno económico e contribúen á promoción turística do territorio.

0.12172484397888