‘La Vuelta Femenina 2026’ volverá situar a provincia de Ourense no epicentro do deporte internacional

OurenseXa
Ourense volverá ser unha das protagonistas desta carreira coa celebración da segunda etapa da competición, que discorrerá entre Lobios e San Cibrao das Viñas o vindeiro 4 de maio
presentacion-la-vuelta-femenina-ourense
31 Mar 2026

A Deputación de Ourense reforza a proxección internacional da provincia a través da súa participación en “La Vuelta Femenina”, unha das citas máis destacadas do calendario ciclista feminino, que volverá ter presenza no territorio ourensán.

A provincia será escenario da segunda etapa da proba, prevista para o 4 de maio, cun percorrido que unirá Lobios e San Cibrao das Viñas e que atravesará distintos municipios como Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela.

A presentación oficial celebrouse este luns no Pazo Provincial, nun acto no que participaron o presidente da Deputación, Luis Menor; o vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández; e o director xeral de Unipublic, Javier Guillén, xunto a representantes institucionais dos concellos implicados. Durante a presentación, o presidente provincial destacou que se trata dunha etapa de “109 km con selo ourensán de pura adrenalina, un luxo para os nosos territorios, un espectáculo para os afeccionados e un reto para as deportistas”.

A colaboración co evento enmárcase tamén nun compromiso co fomento da igualdade no deporte, ao ofrecer visibilidade a referentes femininos do ciclismo. Segundo apuntou Menor, a proba permitirá “ensinar ás mozas ourensás como deportistas de elite protagonizan esta proba de primeiro nivel inspirando a moitas delas a romper ese teito de cristal no deporte e na vida”.

A presenza de “La Vuelta Femenina” supón, ademais, un importante impacto mediático e promocional para a provincia. Desde a institución provincial sublíñase o retorno económico derivado da afluencia de visitantes, a ocupación hoteleira e a dinamización do comercio local, así como a proxección internacional dos territorios polos que discorre a carreira. Neste sentido, tamén se pon en valor a imaxe de Ourense como destino termal, xa que a etapa conecta dous puntos emblemáticos como Lobios e San Cibrao das Viñas.

Pola súa banda, Javier Guillén destacou que se trata dunha das grandes probas do calendario deportivo feminino internacional” e salientou a súa “extraordinaria calidade”. Engadiu ademais que é a competición que “máis diñeiro dota en premio de calquera outra carreira que se faga en España en sete días, tanto de homes como de mulleres”, co obxectivo de reforzar ese modelo de excelencia.

Guillén lembrou tamén que a edición anterior xa tivo presenza na provincia, cunha saída de etapa no Barco de Valdeorras, considerada “unha das máis vistas” da pasada edición.

0.13273406028748