Licitada a segunda fase do parque acuático de Monterrei por case 1,9 millóns de euros

OurenseXa
Crearase un espazo de esparexemento e relax, cun río lento e áreas de estar ou paseo no medio dunha gran zona verde
parque-acuatico-monterrei
Parque Acuático de Monterrei
13 Aug 2025

A Xunta de Galicia abriu a licitación para executar a segunda fase do parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, cun orzamento próximo aos 1,9 millóns de euros, segundo recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Esta nova fase permitirá completar as instalacións, ampliando o parque cara ao nordés con novos vasos e elementos lúdico-deportivos. Prevese que as obras comecen en decembro e teñan un prazo de execución de seis meses, de modo que as novas instalacións poidan estar dispoñibles para o próximo verán.

O proxecto inclúe a creación dun espazo de esparexemento e relax, cun río lento que rodeará zonas de paseo e áreas verdes. Ademais, incorporaranse elementos como chorros e pontes que farán máis dinámico o percorrido dentro da vexetación.

A actuación enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Deputación de Ourense para garantir a finalización do parque, cun compromiso de investimento de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial. Deste xeito, a segunda fase completará as áreas xa existentes e consolidará un gran complexo lúdico-deportivo que combine a zona deportiva co parque acuático e de relax.

O orzamento total da zona deportiva e de lecer superará os 13 millóns de euros, dos que nove millóns foron financiados pola Xunta. O complexo conta cunha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis e pádel, circuíto de cross e pista de pump track, así como coa primeira fase do parque acuático, que incluíu o edificio principal de servizos, área infantil, tobogáns e piscinas.

O Complexo Deportivo de Monterrei abriu a súa campaña de verán 2025 en xuño e estará operativo ata o 14 de setembro, con horario ininterrompido de 12:00 a 21:00 horas. Durante a tempada de 2024, o parque acuático recibiu preto de 100.000 visitantes, demostrando a súa importancia para a cidadanía local e a súa capacidade de atraer turistas de Galicia e do norte de Portugal.

⚙ Configurar cookies
0.12372803688049