Licitada a xestión integral do Complexo Deportivo de Monterrei para este verán

OurenseXa
O contrato estenderase de maio a setembro e inclúe como novidade a xestión da cafetería, ademais de todas as actividades do complexo, cun orzamento próximo ao millón de euros
parque-acuatico-monterrei
2 Mar 2026

A Xunta de Galicia sacou a licitación, a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, a xestión integral do Complexo Deportivo de Monterrei, situado no municipio do Pereiro de Aguiar, para a campaña de verán deste ano. O contrato conta cun orzamento próximo ao millón de euros e estenderase de maio a setembro, con posibilidade de prórroga de ata catro anos máis. O prazo para presentar ofertas é de 30 días, que comezaron a contar este sábado, 28 de febreiro.

O contrato inclúe como novidade a xestión da cafetería, ademais de todas as actividades do complexo. As empresas interesadas deberán acreditar experiencia en servizos similares durante os últimos tres anos e dispoñer de persoal suficiente, incluíndo 30 socorristas con acreditación profesional, persoal técnico sanitario e traballadores para mantemento, limpeza, portaría, cafetería e supervisión xeral. Prevese a creación de máis de 70 postos de traballo durante a tempada.

Actualmente, o parque acuático do complexo atópase en plena ampliación coa construción de novas fases: a fase dous, que inclúe un río lento por case 1,9 millóns de euros, e as fases tres e catro, cunha inversión próxima a 1,85 millóns de euros, que incorporarán novos vasos e elementos lúdico-deportivos que estarán dispoñibles este verán.

O orzamento total das instalacións do complexo ascende a preto de 13 millóns de euros, dos que nove millóns foron financiados pola Xunta e 3,6 millóns corresponden ao acordo entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para completar o parque acuático.

O Complexo Deportivo de Monterrei combina dúas áreas diferenciadas e complementarias: unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track, e o parque acuático, que inclúe o edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, tobogáns e piscinas, financiada íntegramente na súa primeira fase con 7,8 millóns de euros.

0.12921404838562