Licitada por cerca de 700 mil euros a limpeza de edificios municipais e colexios de Barbadás

O Concello de Barbadás saca a licitación a prestación do servizo de limpeza das instalacións municipais, que actualmente se atopa en precario. O contrato, valorado en 676.515,84 euros, inclúe o aseo de máis dunha vintena de edificios públicos.
Victoria Morenza, tenente de alcalde, resalta a mellora do servizo nesta licitación. “Aumenta a limpeza en centros de traballo como a nave de obras ou as gradas de fútbol”, detalla. Nesa liña, apunta ao incremento da calidade do servizo e os beneficios para empregados municipais e cidadanía.
Entre outros, a empresa adxudicataria farase cargo da limpeza de instalacións como a Casa Consistorial, o Museo da Gaita, o polideportivo, os locais de asociacións veciñais, os colexios Filomena Dato e O Ruxidoiro, a Casa da Mocidade, os tanatorios, a Casa da Cultura, o CET ou a xefatura da Policía Local.
A licitación terá unha duración de dous anos, e comezará ao día seguinte de formalizarse o contrato. Trátase dunha prestación de servizos de carácter periódico e continuado durante eses dous anos.