Licitadas as obras de mellora da OU-540 entre Celanova e Bande por 6 millóns de euros

OurenseXa
A previsión é que os traballos, que afectan a un tramo de 14 quilómetros ao seu paso por Verea, comecen na primavera de 2026 e se estendan durante aproximadamente un ano e medio
ou-540
OU-540
18 Nov 2025

A Xunta de Galicia licitou as obras de mellora da estrada autonómica OU-540, no tramo que conecta Celanova con Bande, pasando por Verea, unha actuación que conta cun orzamento aproximado de seis millóns de euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, presentou o proxecto, cuxo prazo para presentar ofertas xa está aberto e se prolongará ata o vindeiro 15 de decembro.

As obras inclúen o acondicionamento de 14 quilómetros de vía, con traballos como o reasfaltado completo, a ampliación da plataforma da estrada, a incorporación de carrís adicionais para facilitar os adiantamentos e a corrección de curvas perigosas para mellorar a seguridade viaria.

Ademais, contempla a construción de beirarrúas nos núcleos de Agrelo e Carballo, ambos no termo municipal de Verea.

Martínez Allegue destacou que esta intervención forma parte do compromiso da Xunta para fortalecer a conexión entre os concellos ourensáns, favorecer a fixación da poboación no medio rural e dinamizar a economía local. Así mesmo, recordou que os orzamentos autonómicos para 2026 destinan unha partida histórica para infraestruturas, con máis de 260 millóns, dos cales case 72 se dedicarán a mantemento e seguridade nas vías.

A previsión é que as obras comecen na primavera de 2026 e se estendan durante aproximadamente un ano e medio.

⚙ Configurar cookies
0.098020076751709