Luis Menor pon en valor talento universitario do Campus de Ourense na entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2025

OurenseXa
O presidente provincial salientou o papel da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo como “un dos grandes activos da provincia”
premios-tfg-turismo-ourense
9 Dec 2025

O presidente da Deputación de Ourense participou este martes no acto de entrega dos Premios aos Traballos de Fin de Grao José Manuel Pérez Canal, recoñecemento que distingue a excelencia académica do alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que esta iniciativa “non é só unha celebración do talento e do esforzo das novas xeracións, senón tamén unha mostra do enorme potencial que atesoura o Campus de Ourense e o papel fundamental que desempeña na dinamización económica e social da provincia”.

Menor felicitou ás estudantes galardoadas nesta edición, na que foron premiadas Carmen Canal Domínguez, primeiro premio en ADE, Paula Viceiro Diz, accésit na mesma titulación, e Pilar Aurora Araújo, primeiro premio en Turismo. Ademais, puxo en valor o labor do profesorado titor, Elena Gallego, Ana Isabel Gueimonde, Nuria Gallego e José Antonio Fraiz, cuxa dedicación considera clave para formar “os profesionais do futuro inmediato”.

Durante o acto, o presidente tamén lembrou a figura do empresario José Manuel Pérez Canal, ao que definiu como “un exemplo de liderado empresarial que segue inspirando ao noso tecido produtivo”, resaltando a súa contribución ao desenvolvemento económico da provincia.

Menor subliñou igualmente o papel da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo como “un dos grandes activos da provincia”, destacando a súa capacidade para xerar coñecemento, atraer talento e impulsar innovación. “Grazas ao seu traballo, Ourense é hoxe unha provincia máis preparada, máis competitiva e máis aberta ao mundo”, afirmou.

O presidente reiterou o compromiso da Deputación coa Universidade de Vigo e co Campus de Ourense, lembrando a colaboración continua en distintas accións, como o convenio entre a Facultade e o Inorde que facilita bolsas remuneradas para a primeira experiencia laboral do alumnado. “O noso obxectivo é apoiar un campus vivo, conectado coa sociedade e capaz de atraer estudantes e profesionais, situando Ourense no mapa das provincias que apostan pola economía do coñecemento”, indicou.

Menor concluíu facendo referencia ao lema da FCETOU, “Ilusión que move, futuro que medra”, asegurando que “non poderiamos estar máis de acordo”, e trasladou de novo a súa felicitación ás premiadas.

⚙ Configurar cookies
0.080472946166992