Luis Menor preside a constitución do comité comarcal do Partido Popular de Ourense
O líder dos populares ourensáns, Luis Menor, presidiu na sede provincial a constitución do comité comarcal de Ourense, o oitavo órgano territorial que pon en marcha o PP na provincia para ampliar a estrutura do partido e afrontar as eleccións galegas. Dous obxectivos que “conflúen nunha mesma meta: lograr unha vitoria incontestable o próximo 18 de febreiro”, afirmou Menor.
Nunha das convocatorias con maior presenza, con preto de 200 persoas, o presidente do PP de Ourense expresou a súa satisfacción pola “magnífica” resposta dos alcaldes, portavoces, concelleiros e afiliados que acudiron á sede provincial, “como estou a comprobar no resto da provincia”. Unha representación que, lembrou, pode ampliarse en calquera momento coa incorporación de persoas procedentes dos máis diversos ámbitos -económico, social, deportivo, cultural, etc.- e cuxas achegas podan ser de relevancia para a actividade política do partido.
Luis Menor explicou que os comités comarcais non son un órgano oficial do partido, “pero si un novo modelo de organización que, con reunións dúas veces ao ano ou sempre que se precise, nos permitirá coñecer as vosas inquedanzas, prestarvos apoio e asesoramento e poñer en marcha campañas electorais coa máxima mobilización”.
Como coordinadores do comité comarcal ourensán foron propostos a portavoz no Concello de Ourense, Sonia Ogando, e Manuel Pérez Novoa, alcalde de Paderne de Allariz.
Nesta convocatoria acudiron á reunión representantes municipais e locais de 17 agrupacións populares: Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Barbadás, Coles, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Parada do Sil, Pereiro de Aguiar, Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.