Luis Menor reúnese en Bruxelas con membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo

OurenseXa
No encontro, Menor reivindicou a capacidade das administracións locais para xestionar de xeito eficiente os fondos europeos
menor-bruselas
5 Mar 2026

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, reivindicou este mércores en Bruxelas a capacidade das administracións locais para xestionar de maneira eficiente os fondos europeos, durante unha visita ao Parlamento Europeo na que encabezou unha delegación do PP ourensán. Menor criticou o Novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034, que propón un maior peso dos gobernos nacionais, e cualificouno como un “ineficiente cambio de modelo” que afasta Europa das necesidades reais das rexións e dos concellos.

Acompañado polos eurodeputados do PPdeG Adrián Vázquez e Francisco Millán Mon, Menor mantivo un encontro con membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGI) do Parlamento Europeo, entre eles Elena Nevado e Maravillas Abadía, onde explicou que a experiencia dos gobernos locais permite utilizar os recursos europeos con eficacia. “Hemos demostrado suficientemente que tenemos la experiencia necesaria para emplear estos recursos con eficacia”, subliñou.

O presidente provincial lembrou os resultados da súa xestión na Deputación: desde o inicio do mandato en 2023, captáronse 27,9 millóns de euros de financiación europea, o que representa case un terzo do orzamento anual. Esta financiación destinouse a proxectos como o PERTE do Ciclo da Auga (7,75 millóns de euros), máis de 8,6 millóns para os Planes de Actuación Integrada en Ourense Sur e Valdeorras, 4 millóns para a transformación dixital da administración e outros 7,5 millóns para sectores estratéxicos como turismo termal, emprego, comercio e innovación no medio rural.

O eurodeputado Adrián Vázquez, anfitrión da visita, subliñou que este tipo de xornadas serven para “levar a voz das provincias a Europa” e advertiu de que a centralización sería “un erro que só servirá para afastar a Europa das provincias que máis necesitan estes fondos”.

Previo ao encontro no Parlamento Europeo, Menor reuniuse con representantes da Asociación de Gobernos Locais Intermedios, Partenalia, e enfatizou que “es vital que no prospere la centralización del reparto de fondos”, instando á organización a manter o protagonismo das administracións máis próximas ao territorio.

0.13144707679749