Luis Menor, único candidato á presidencia do PP de Ourense
A comisión organizadora do 19º Congreso provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense acordou por unanimidade proclamar a Luis Menor como único candidato á presidencia do PP ourensán. Seguindo o establecido no artigo 20 do regulamento do conclave, a comisión puido comprobar que o precandidato reúne “os apoios estatutarios e regulamentariamente requiridos”.
Entre estes requirimentos figura conseguir un mínimo de 75 avais entre os afiliados, estar adherido ao partido desde hai máis de 12 meses e estar ao corrente do pagamento das cotas e achegas por cargo.
O acordo da Comisión Organizadora supón que non se convocarán asembleas de votación de precandidatos entre os afiliados inscritos.
Na reunión tamén se convocou a campaña electoral interna para a elección do presidente do PP de Ourense, período que principiará mañá sábado, 22 de xuño, e rematará o 3 de xullo.