Luz verde ambiental ao proxecto de construción dunha planta de valorización de residuos non perigosos en Celanova

OurenseXa
A futura planta centrará a súa actividade na clasificación, limpeza e valorización dos materiais desbotados para transformalos en áridos reutilizables
Residuos
2 Mar 2026

Xunta de Galicia concedeu autorización ambiental ao proxecto dunha planta de valorización de residuos non perigosos procedentes do sector da construción e demolición (RCD) no concello ourensán de Celanova.

Segundo o informe de impacto ambiental elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a instalación non se prevé que teña efectos adversos significativos sobre o entorno, sempre que se cumpran os condicionantes fixados tanto no propio documento ambiental como na resolución autonómica.

A futura planta centrará a súa actividade na clasificación, limpeza e valorización dos materiais desbotados para transformalos en áridos reutilizables. O proxecto pasou polo procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, no que se someteu a documentación á participación pública e se consultaron nove organismos especializados, sen que se recibisen alegacións.

Segundo informan dende o Goberno galego, o informe e as consultas realizadas determinaron que a instalación sería viable sempre que se respecten criterios relacionados coa protección da saúde da poboación, a conservación de augas e ecosistemas, a salvagarda do patrimonio cultural, a integración paisaxística e a correcta xestión de residuos.

A resolución, que non exime ao promotor da necesidade de obter permisos e autorizacións adicionais, será publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

0.13417506217957