Luz verde ao proxecto Escorial Vinteún que prevé a construción de máis de 1.600 vivendas

OurenseXa
O proxecto abranguerá un espazo de máis de 16 hectáreas de extensión ao noroeste do concello de Ourense, ao carón do barrio Vinteún
Ourense-vista-xeral-recurso
6 Nov 2025

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) Escorial Vinteún de Ourense, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e co que se prevé urbanizar solo para construír máis de 1.600 vivendas, a maioría delas en réxime de protección pública na cidade.

Segundo o informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que será publicado proximamente no DOG, “non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes incluídos no documento co fin de preservar os valores de patrimonio cultural e os espazos fluviais existentes na contorna así como favorecer unha axeitada integración paisaxística do proxecto”.

Dende a Xunta explican que este informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa. Neste proceso, a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.

O proxecto abranguerá un espazo de máis de 16 hectáreas de extensión ao noroeste do concello de Ourense, que linda ao sur e ao oeste co barrio do Vinteún, delimitado polas estradas N-525 ao oeste, N-544 de acceso a Ourense ao nordés e a OU-0551 ao sur.

Ademais da construición de vivendas, o PIA establece o uso terciario nas plantas baixas dos edificios, e a ordenación parte da creación dunha zona verde central vinculada ao rego do Cudeiro, que actúa como elemento estruturante e que integra a vexetación de ribeira existente. O espazo definirá unha rede de percorridos peonís que conectan a trama urbana existente ao sur co trazado do Camiño de Santiago ao noroeste.

⚙ Configurar cookies
0.089508056640625