Maceda presenta o programa completo de actividades para o Entroido 2026

OurenseXa
Celebrarase do 24 de xaneiro ao 21 de febreiro cunha intensa programación que incluirá as tradicionais saídas dos felos, os fiadeiros, música, gastronomía e actividades para todos os públicos
entroido-maceda
12 Jan 2026

Maceda prepárase para celebrar o seu tradicional Entroido do 24 de xaneiro ao 21 de febreiro, unha festividade que recupera a súa esencia cun completo programa de actividades. Os felos regresan ás rúas para protagonizar a festa máis emblemática do municipio, na que non faltarán a música, o cocido e os característicos fiadeiros.

A programación dará comezo o sábado 24 de xaneiro coa tradicional solta do Burro e o reparto dos mecos, que marcarán o inicio oficial das celebracións. Unha semana despois, o sábado 31 de xaneiro, celebrarase o reinado entre as parroquias de Tioira e Santa Marta, con paradas en varios puntos emblemáticos do municipio.

O domingo 1 de febreiro terá lugar un obradoiro de compadres e comadres na Praza das Toldas, destinado a preservar e transmitir as costumes propias do Entroido.

O venres 6 de febreiro, coñecido como Venres de Compadres, desenvolverase a segunda edición da Ruta da Tapa do Cocido do Entroido, que estará amenizada por foliadas e a actuación do grupo Os Festicultores.

O sábado 7 de febreiro levarase a cabo o tradicional fiadeiro de Carguizoi, unha cita clave para os amantes da música popular.

O Venres de Comadres, 13 de febreiro, vivirase unha xornada chea de actividades, entre elas a subida dos carros coa charanga A Felga, a cea de comadres, a continuación da Ruta da Tapa e un pasabares nocturno que animará as rúas.

O sábado 14 de febreiro será unha xornada intensa, coa saída do autobús dos felos, pasabares con charangas, a Baixada da Marela e varias actuacións musicais que se prolongarán ata entrada a noite.

O domingo 15 de febreiro continuará a tradición coa saída do autobús dos felos, o fiadeiro en Calvelo, a esperada comida do cocido do Entroido e unha foliade aberta para todos os asistentes.

O luns 16 de febreiro terá lugar a Baixada da Mareliña desde o Castelo de Maceda, que culminará cunha actuación familiar a cargo de Dorman DJ.

O martes 17 de febreiro celebrarase o esperado desfile de Entroido, seguido da entrega de premios que recoñecerá os mellores disfraces e grupos participantes.

A festa concluirá o sábado 21 de febreiro co tradicional Enterro do Meco, acompañado dunha pancetada popular e un desfile fúnebre a cargo da Charanga A Felga, pechando así unhas semanas cargadas de tradición, música e gastronomía.

PROGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO DE MACEDA 2026

⚙ Configurar cookies
0.082038879394531