Máis de 1.000 persoas participarán este domingo no Trail de Oira

Máis dun milleiro de persoas tomarán a saída este domingo, 29 de xuño, no Trail de Oira, unha proba incluída no circuíto popular Correndo por Ourense. A carreira, organizada polo Consello Municipal de Deportes, comezará ás dez da mañá coa participación de todas as categorías, dende os máis pequenos ata a proba absoluta.
O percorrido partirá desde Oira e discorrerá pola pasarela de Oira, a pasarela do río Loña, Parque Loña, Ponte da Loña, estrada de Mende, IES de Mende, Verea Vella e Santomé, para regresar de novo a Oira polo mesmo itinerario.
A proba ocasionará cortes e restricións de tráfico entre as dez da mañá e as doce e media do mediodía, principalmente na rúa de Mende, desde a rúa dos Laranxos até Alfonso Rodríguez Castelao, e na rúa de Santomé até o cruzamento coa estrada a Pereira, no Castro de Santomé. Ademais, os autobuses urbanos da liña 9 (Mende - Residencia) modificarán o seu percorrido durante este horario e terán a súa cabeceira provisional na estrada de Ponferrada, na rotonda da rúa da Rabaza.