Máis de 1.200 escolares ourensáns participaron este curso nas xornadas de portas abertas do Campus de Ourense

OurenseXa
Durante as visitas, mozos e mozas de toda a provincia coñeceron as instalacións, aulas e laboratorios, así como proxectos de investigación que se están a levar a cabo nas distintas facultades
Xornada de portas abertas do Campus de Ourense
12 Apr 2026

O campus de Ourense pechou este curso académico unha nova edición das súas xornadas de portas abertas, nas que participaron máis de 1.200 alumnas e alumnos de diferentes centros educativos interesados en coñecer a oferta formativa e as instalacións universitarias.

A última sesión celebrouse esta semana e contou coa asistencia de arredor de 260 estudantes, que durante a xornada puideron achegarse á vida universitaria e visitar os distintos centros do campus. O obxectivo da actividade é ofrecer ao alumnado preuniversitario unha visión directa das titulacións, servizos e recursos dispoñibles antes de tomar decisións sobre o seu futuro académico.

A iniciativa está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, e desenvolveuse ao longo de varias sesións distribuídas durante o curso.

Tras unha benvida institucional, o alumnado participou en percorridos guiados polos diferentes centros, organizados en dous itinerarios segundo a modalidade de Bacharelato: un centrado no ámbito xurídico-social, humanidades e artes, e outro orientado ás ciencias e á enxeñaría. En total, o campus conta con nove centros nos que se imparten 16 graos, ademais de programas de mestrado, doutoramento e dobres titulacións.

Durante as visitas, o estudantado coñeceu as instalacións, aulas e laboratorios, así como proxectos de investigación en áreas como a intelixencia artificial, a arqueoloxía ou o sector aeroespacial. Tamén puideron achegarse a espazos comúns do campus, como a biblioteca, as instalacións deportivas e as zonas verdes, ademais de coñecer o proxecto Campus Auga, a estratexia de especialización do campus ourensán.

Con esta iniciativa, a universidade busca reforzar o contacto directo co alumnado preuniversitario e dar a coñecer a súa oferta académica e as oportunidades de formación e inserción laboral que ofrece o campus.

0.13047409057617