Máis de 150 persoas conviven nas XXI Xornadas Interxeracionais en Ourense

OurenseXa
A cita está organizada como cada ano por alumnado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e Ategal
xornadas_Ourense_traballo_social
Máis de 150 persoas de idades e capacidades diversas conviven nas XXI Xornadas Interxeracionais
4 Apr 2024

O campus de Ourense acolle este xoves a celebración das XXI Xornadas Interxeracionais. Nelas, máis de 150 persoas de idades e capacidades diversas conviven e estreitan os seus lazos compartindo actividades de ocio, principalmente xogos. A cita está organizada como cada ano por alumnado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, e Ategal (Formación Permanente e Ocio para Persoas Adultas), contando co apoio da citada facultade.

Nesta edición os colectivos participantes son alumnado do Grao de Educación Social e de diversos ciclos do CIFP Portovello e membros da aula de Ategal, da residencia DomusVi e de Down Ourense. Ao longo deste curso académico, arredor de 80 estudantes de primeiro do citado Grao de Educación Social traballaron na organización da cita no marco da materia Educación permanente, impartida polo educador social Millán Brea, que pon en valor o traballo realizado polo estudantado. A iniciativa, sinala o profesor, parte da premisa de “aprender a profesión facendo” e aposta pola aprendizaxe-servizo que redunde en beneficio da comunidade. “Traballar durante meses na organización dunha actividade deste tipo e para 150 persoas, onde hai diferentes grupos e actividades, proporciónalle ao alumnado unha aprendizaxe que, como futuras educadoras sociais, teñen que ter entre as súas competencias”, comenta.

Diferentes espazos e actividades

A programación arrancou como cada ano na Praza Maior de Ourense, onde os primeiros grupos participantes se achegaron para quecer motores con diferentes xogos conxuntos e para ler o manifesto que cada ano realizan nestas xornadas. De seguido a actividade trasladouse ao pavillón de deportes do campus, onde ao longo da mañá o alumnado de Educación Social preparou diferentes xogos interxeracionais para compartir coas persoas asistentes. Tras unha comida campestre conxunta, pola tarde, no Edificio de Ferro, serán as persoas maiores de Ategal as que guiarán ás e aos participantes en xogos de mesa que elas e eles aprenderon ao longo da súa vida, especialmente nos anos 50, 60 e 70 do século pasado. Para rematar o día, haberá pola tarde-noite dous concertos, un na Facultade de Educación e Traballo Social, de Tango&Cash, e outro na cafetaría próxima O`Renque, de Rey e Dani.

Con esta programación, explican desde a súa organización, búscase “rachar dun xeito lúdico as barreiras interxeracionais tan presentes no día a día na sociedade” ao mesmo tempo que o alumnado universitario se forma de xeito práctico en competencias necesarias para o seu futuro profesional. As xornadas, subliñan, seguen medrando ano a ano e son xa un referente, facendo fincapé en que son unha experiencia única no contexto tanto galego como estatal polas súas características. “Cada vez se achega máis xente que quere formar parte deste proxecto, estamos moi satisfeitos con el”, afirma por último Millán Brea.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18868613243103