Máis de 2.500 escolares ourensáns asisten á exhibición de recursos policiais
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu esta mañá á exhibición de recursos policiais dirixida á comunidade educativa desta cidade que pon o remate ás charlas e conferencias que se desenvolveron nos centros educativos de Ourense ao abeiro do Pan Director, e que se encadra dentro dos actos de conmemoración do 200º aniversario da creación da Policía Nacional.
Manuel Pardo puxo en valor a entrega, a eficacia e o esforzo diario das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia para contribuír a unha comunidade máis segura, en coordinación e colaboración coas restantes forzas e corpos de seguridade existentes na comunidade, e destacou a súa dedicación por facer de Ourense e Galicia "un dos mellores lugares para vivir, traballar e tamén visitar".
O delegado territorial lembrou tamén a vocación de servizo público, ao compromiso, á valentía, ao sacrificio e ao compañeirismo como valores propios que caracterizan os corpos e forzas de seguridade e reafirmou o compromiso da Xunta co labor policial como garante da seguridade cidadá e da protección do patrimonio.
Manuel Pardo incidiu na necesidade de que o Goberno central complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, actualmente ao 70%, como lle vén reclamando Galicia nos últimos anos
Na xornada participaron máis de 2.500 escolares que seguiron de cerca as demostracións e actividades dos distintos grupos policiais como defensa persoal policial, a Unidade de Guías Caninos, a Unidade de Subsolo e Protección Ambiental, a Unidade de Intervención Policial, os TEDAX, Medios Aéreos, os Grupos Operativos Especiais de Seguridade ou a Policía Científica.