Máis de 2.500 nenos e nenas participaron nos desfiles escolares do Entroido de Ourense

Máis de 2.500 nenos e nenas sumáronse á celebración do Entroido de Ourense participando nos 4 desfiles escolares que esta mañá percorreron diferentes barrios da cidade. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, disfrazado de Batman e a concelleira de Educación, Tamara Silva, caracterizada de Mary Poppins, saudaron a rapazada participante no desfile que a media mañá percorreu o centro da cidade, con saída e remate na Praza Maior. “Sodes os auténticos protagonistas”, manifestou o rexedor, quen animou a rapazada a desfrutar do Entroido e das diferentes actividades programadas polo Concello, con propostas dirixidas especialmente ao público infantil o sábado, o luns e o martes pola tarde na Praza Maior, ademais do tradicional desfile do domingo.
O Concello organizou os desfiles que esta mañá percorreron o centro da cidade, As Lagoas e os barrios de Covadonga – As Eiroás e O Vinteún, e colaborou na organización dos celebrados hoxe no barrio da Ponte, e onte en Vistafermosa e Salesianos.
O da zona centro contou coa participación de 1200 alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, Especial e Secundaria de 9 centros educativos e temáticas diferentes: CEIP Manuel Luis Acuña (cociñeiros e cociñeiras), CPR San José (O Espazo), CPR Cardenal Cisneros (A arte de Yoshitomo Nara), CPR A Purísima (O Mar), CPR Concepción Arenal (mariñeiros e mariñeiras), CPR Divino Maestro (Tamagochis), CPR Luis Vives (O Rei León), CEE O Pino (A tribo do Pino) e CPR Maristas (Hippies). Contaron co acompañamento musical de Trópico de Grelos, CLK e Caña aquí.
Outros 800 participaron no desfile das Lagoas, con nenas e nenas dos CEIP Mestre Vide (O mar) e Curros Enríquez (A auga) e CPI José G García (Bufóns medievais), coas charangas Nova de Trives e Bicoia; e 200 no de Covadonga, As Eiroás e O Vinteún, con temática común: a Ciencia, e participación de CEIP Virxe de Covadonga, As Eiroás, Escola Infantil Bambi e Escola Infantil Virxe de Covadonga, acompañados pola charanga Os Bandiños. A cuarta cita da mañá foi no barrio da Ponte, con máis de 300 nenas e nenos disfrazados coa temática común de Etapas da Historia, e acompañados pola charanga Noroeste.