Máis de 250 socialistas de toda provincia reuníronse na IV edición de ConMemora

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a IV edición de ConMemora, a xuntanza do socialismo provincial ourensán baixo o lema “Alén da Posverdade”. Lobios acolleu un acto multitudinario no que se congregaron máis de 250 socialistas chegadas de toda a provincia e no que estiveron presentes numerosos cargos orgánicos e institucionais do partido.
Esta nova edición de ConMemora volveu servir para estreitar os lazos de unión entre a militancia socialista da provincia, nun acto moi emotivo e cargado de contido que tivo como epicentro “a cerna política na acción de superación da posverdade, e seu espírito afectivo na fraternidade que bebe dos mananciais da ilustración e a democracia”.
Un ano máis fixéronse entrega dos premios ConMemora ao compromiso co socialismo e cos concellos da bisbarra da Baixa Limia, que nesta edición recaeron na histórica líder socialista de Bande, Maribel Santos Pérez, e no ex alcalde de Lobios, Antonio Ferreira López. Durante o acto tamén se lembrou con moito agarimo a figura de Rafael Pérez Martínez “Tito”, que foi alcalde socialista de Muíños entre 1983 e 1995, así o como o primeiro concelleiro socialista da corporación municipal e primeiro deputado provincial da historia do PSdeG-PSOE de Ourense, e que faleceu fai uns meses nun fatídico accidente.
O voceiro do grupo municipal socialista en Lobios, Patrick Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto, onde aproveitou para agradecer “a presenza de centos de socialistas chegadas de toda a provincia para estar con nós hoxe en Lobios, un municipio que precisa con urxencia dun cambio de rumbo político”. Neste senso, o líder dos e das socialistas de Lobios tamén puxo de manifesto que “ese cambio chegará en 2027 da man do PSOE. Temos os alicerces, temos o equipo e temos o proxecto para rescatar Lobios da desidia”.
A profesora titular de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela, María Nieves Lagares Díaz, aproveitou a súa intervención para facer unha alegación en contra da desinformación da que afirmou “ten fins emocionais que superan o rumbo informativo” e apuntar que esta “non é algo distinto da publicación de maneira illada, senón que compite e impón fluxos a información fidedigna porque hai un uso estratéxico e deliberado de difundir con formato de novas, información falsa”. Tamén apuntou a que “hai un público ao que non lle importa que a noticia sexa falsa, impórtalle o fondo emocional da mesma”.
Pola súa banda, Vasco Ribeiro, profesor de Comunicación Política da Universidade de Porto, puxo o foco durante a súa intervención no país veciño, en Portugal, e analizando a actualidade política do mesmo. Ribeiro falou sobre o “populismo da dereita en Portugal, do escándalo actual que envolve ao actual primeiro ministro e das eleccións anticipadas que se veñen de convocar, así como das dificultades que ten actualmente a esquerda para chegar ao poder”.
No acto tamén participou o presidente do Laboratorio de Ideas de Progreso AVANZA do PSOE, Manuel Escudero Zamora, quen subliñou que “fronte á desinformación, que é un ecosistema con múltiples actores intimamente ligada á extrema dereita nalgúns países e á dereita noutros, débese responder con outro ecosistema, cunha formidable alianza democrática”. O presidente de AVANZA tamén apuntou a que “hai que crear un ecosistema pola integridade da información, para a erradicación da desinformación, liderado polas instancias públicas, coa esixencia de transparencia dos medios en canto á súa propiedade e axudas públicas, reforzando penalmente o dereito á honra e o deber de rectificación de bulos, pero tamén cun movemento coordinado de carácter civil para a erradicación da desinformación por parte de todos os actores implicados, prensa, investigadores, educadores e a sociedade.
A presidenta do PSdeG e senadora por Pontevedra, Carmela Silva Rego, interveu para destacar que “nestes tempos da posverdade, das fake news e dos retrocesos en dereitos, as mulleres temos que crear unha rede global para defender eses dereitos nun mundo en igualdade, pois somos nós as que máis padecemos estes retrocesos”. Tamén fixo un chamamento a tódalas mulleres, particularmente aos do PSOE de Galicia para “agruparnos e loitar contra a sociedade que pretenden por en marcha a dereita ultra e a ultra dereita e seguir loitando na defensa do que logramos e do que nos queda por lograr”. Outro dos convidados foi o secretario de Memoria Democrática e Laicidade da Executiva Nacional Galega, Iván Puentes.
Por último, o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que a imaxe da política actual “afástase da que se tivo de políticos coma Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE”, xa que tal e como esgrimiu “atopámonos con políticos como Donald Trump, ao que lle atoparon máis de 30.000 mentiras nas plataformas de verificación durante o seu anterior mandato”. Neste senso o líder das e dos socialistas ourensáns tamén puxo o foco en que “a mentira, as paparruxas ou os bulos existiron no pasado, pero adquiren outra dimensión coas redes sociais, pois máis que de comunicación de masas, podemos falar de masas de comunicadores”.
“Esta xornada non ambiciona atopar respostas máxicas, pero si poñer enriba da mesa a necesaria atención do socialismo ourensán a este fenómeno, e por iso agradecemos o maxisterio das figuras que nos acompañaron hoxe”, finalizou Villarino.
O acto rematou coa interpretación do Grândola Vila Morena e do himno de Galicia por parte da agrupación musical Os Afinantes, para posteriormente dar paso a un xantar que se celebrou no restaurante Lusitano, e que pechou a xornada de comuñón socialista.
ConMemora naceu como xornada de celebración do socialismo ourensán para lembrar a efeméride que lle serve de base: a voda do ourensán Pedro de la Iglesia e da compostelá Juana Posse, país do fundador do PSOE e da UGT, Pablo Iglesias Posse, na igrexa da freguesía da Trinidade de Ourense, acontecida o 24 de abril de 1.841.