Máis de 300 escolares ourensáns participaron na Loita de Comadres e Compadres

OurenseXa
335 alumnas e alumnos de 3º e 4º curso de Educación Primaria dos colexios Amadeo Barroso, Irmáns Villar, Mestre Vide, As Mercedes, O Couto e Maristas, inauguraron o Entroido de 2025 en Ourense
loita-de-mecos-comadres-compadres-entroido-ourense
Loita de Mecos, Ourense, 2025
27 Feb 2025

Máis de trescentos escolares da cidade participaron esta mañá na celebración conxunta dos Xoves de Compadres e Comadres organizada polo Concello na Praza Maior, no marco das actividades do Entroido de Ourense 2025.

Foron, en total, 335 alumnas e alumnos de 3º e 4º curso de Educación Primaria dos colexios Amadeo Barroso, Irmáns Villar, Mestre Vide, As Mercedes, O Couto e Maristas, que protagonizaron as loitas características desta tradicional celebración. As nenas levaron os compadres e os nenos as comadres que confeccionaron nos días anteriores, coa axuda de especialistas, en 12 obradoiros gratuítos organizados polo Concello nos centros escolares. Desde as 11.30 da mañá, as nenas e os nenos defenderon os seus compadres e comadres, respectivamente, con música e dinamización nunha actividade que serviu para dar comezo ao Entroido de Ourense 2025.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, saudaron os nenos e as nenas participantes, a quen animou a desfrutar coas diferentes actividades que se desenvolverán na cidade dentro da programación do Entroido de Ourense. Entre elas, as festas infantís e os concertos do que terán lugar o sábado, o luns e o martes pola tarde na Praza Maior, a cargo de Pakolas, Uxía Lambona e a banda molona e O legado do Tibu, respectivamente, así como o gran desfile do domingo de Entroido.

⚙ Configurar cookies
0.087506055831909