Máis de 300 xadrecistas de Galicia e Portugal participarán este sábado en Ourense na 18ª Copa de Galicia de Xadrez

Máis de trescentos xadrecistas de todas as idades, procedentes de Galicia e Portugal, participarán este sábado, 7 de xuño, na 18ª edición da Copa Galicia de Xadrez – Maristas Ourense, que será tamén o terceiro Memorial Emilio Rodríguez. O evento celebrarase no polideportivo do Colexio Maristas, en horario de 16:00 a 20:15 horas.
Este xoves, o salón de plenos do Concello acolleu a presentación oficial do torneo, considerado o máis grande de Galicia. Esta edición marca a maioría de idade do evento e está dedicada a Emilio Rodríguez, profesor do centro durante moitos anos e moi implicado na organización do campionato.
No acto participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández, xunto con representantes da organización: Elías González, de Xadrez Ourense; Luis Ángel Arias, do colexio Maristas; Martín Gómez, xuíz principal; así como representantes institucionais como Jorge Pumar (Deputación de Ourense) e Manuel Pérez (Xunta de Galicia).
Elías González destacou que o torneo reunirá xadrecistas “de todas as idades, desde os 5 ata máis de 70 anos, a maioría en idade escolar, con 43 centros educativos representados”. A competición dividirase en cinco categorías: sub8, sub10, sub12, sub14/sub16 e Sénior/Xuvenil.
Entre os participantes atópanse varios campións galegos, como Antía Reboredo Barrosa (campioa galega infantil sub14), Pura Diéguez Nóvoa (campioa galega sub18) ou Artai Lamela (subcampión galego sub8), ademais de xogadores procedentes de distintos puntos de Galicia e Portugal, como Pedro Gil Ferreira, campión nacional portugués na categoría sub20.
O torneo promete ser unha “gran festa do xadrez”, unha disciplina “intelectual, excelente para todas as idades e económica”, como subliñou o representante da organización, quen animou o público ourensán a achegarse ao polideportivo e desfrutar do evento.