Máis de 50 equipos desputan este sábado no Pazo Paco Paz o “3x3 DepOUrense”

OurenseXa
Trátase dun evento que combinará a xornada de competición con actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas desta práctica deportiva
Presnetación do '3x3 DepOUrense'
Presentación do torneo '3x3 DepOUrense'
22 Xuño 2024

Grazas á colaboración directa entre a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto, o Pazo Paco Paz albergará mañá o “3x3 DepOUrense”, no que participarán un total 51 equipos en categorías premini, mini, infantil, cadete, junior, senior e senior familiar.

Trátase dun evento que combinará a xornada de competición con actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas desta práctica deportiva. E contará tamén cun marcado compoñente saudable: todos os participantes gozarán de froita fresca e auga, e poderán realizar doazóns de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas que estará instalada no exterior do Paco Paz. Tamén se instalará unha carpa informativa da Asociación Española contra o Cancro.

A pesares de que o carácter competitivo non é o principal compoñente deste evento, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, un premio especial para os campións en cada categoría e un recordo para todos os participantes, así como outras sorpresas a través de concursos e agasallos durante toda a xornada.

O deporte de equipo urbano número 1 do mundo

O baloncesto 3x3 é o deporte de equipo urbano número 1 do mundo. Trátase dunha modalidade que se xoga nunha única canastra e consta de tres xogadores por equipo. Está impulsado pola FIBA e xa se disputou en certames oficiais internacionais, como nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Se ben este xogo xa existía con anterioridade, a FIBA regulamentouno e creou campionatos internacionais para o mesmo. De feito, desde 2012 dispútase a Copa Mundial FIBA de Baloncesto 3x3.

0.105544090271