Arredor de 730 estudantes gradúanse este ano no campus de Ourense

Co curso académico encamiñándose cara á súa recta final, o campus de Ourense iniciou esta semana os actos de graduación que, durante as próximas semanas, reunirán arredor de 739 estudantes das diferentes escolas e facultades para celebrar a finalización dos seus estudos.
O venres 23 de maio celebrouse a primeira cerimonia no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, coa graduación de 85 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O acto, presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reuniu o alumnado das promocións dos graos en Administración e Dirección de Empresas (ADE), Turismo, os programas conxuntos ADE-Dereito e Turismo-Xeografía e Historia, ademais da segunda promoción do Título Propio para o Emprego e Vida Autónoma.
Durante esta cerimonia, os graduados e graduadas recibiron os seus diplomas e bandas académicas de mans de autoridades universitarias e de padriños e madriñas académicas e institucionais destacados, como Jesús Vázquez e Alejandra Seara. Tamén se rendeu homenaxe ás alumnas que acadaron premios extraordinarios o pasado curso.
Nas vindeiras semanas, a Facultade de Educación e Traballo Social continuará coas celebracións, cun acto o 30 de maio para Educación Infantil e Primaria, e outro o 6 de xuño para Traballo Social e Educación Social, sumando un total de 319 graduadas e graduados neste centro.
Así mesmo, o 6 de xuño será a quenda da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, mentres que a Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrará a súa graduación o 13 de xuño con 111 novos titulados. O 20 de xuño será a quenda da Facultade de Ciencias e da Facultade de Historia, e finalmente, a Facultade de Dereito pechará o ciclo de graduacións o 27 de xuño.
Estas cerimonias non só marcan o fin dunha etapa académica, senón que tamén reúnen á comunidade universitaria, familiares e amizades para recoñecer o esforzo e a dedicación das novas e novos profesionais.