Máis de mil persoas participan este sábado nunha nova proba do circuíto Correndo por Ourense

OurenseXa
A carreira percorrerá as principais rúas do centro da cidade, ocasionando diversas restricións de tráfico a partir das 21:00 horas
Correndo Por Ourense, O Couto, 2023
Correndo por Ourense
7 Jun 2025

O circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense, impulsado polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, continúa este sábado, 7 de xuño, no centro da cidade, cunha participación de máis de mil persoas.

A xornada comezará ás 22:00 horas coa saída das categorías infantís e desenvolverase ao longo da noite por diversas rúas da zona centro da capital ourensá. Esta será a segunda proba do circuíto tras a celebrada no barrio do Couto, e dará paso a vindeiras citas como o Trail Oira-San Tomé (29 de xuño), a carreira de Mariñamansa (7 de setembro), a da Ponte (19 de outubro) e, finalmente, A Carballeira, que pechará o calendario.

Con motivo da celebración da carreira, o Concello anunciou restricións e cortes de tráfico que afectarán de forma significativa á circulación no centro urbano entre as 21:00 e as 23:00 horas, aproximadamente. A saída estará situada na rúa do Paseo, fronte á Delegación de Defensa, e o percorrido inclúe as rúas Concello, Xoán XXIII, O Progreso, Avenida de Pontevedra e Lamas Carvajal, rematando novamente na rúa do Paseo.

Os cortes afectarán ás seguintes rúas:

  • Xoán XXIII: Só se poderá circular en sentido desde a Avenida da Habana cara ao Xardín do Posío.
  • Rotonda de San Rosendo: Permitido o paso cara ás rúas Ervedelo e O Progreso (en dirección ao Posío), pero non cara á Concordia nin Xoán XXIII. Tampouco se poderá acceder aos aparcadoiros públicos nese tramo.
  • Rúa do Desengano: Estará pechada ao tráfico desde a Praza de Abastos, con desvíos habilitados.
  • Parada Justel: O acceso estará restrinxido desde Doutor Fleming; o tráfico procedente do Posío será desviado cara á Praza de Abastos e Doutor Fleming.

Desde o Concello recoméndase extremar as precaucións, seguir as indicacións da Policía Local e evitar os estacionamentos indebidos. Ademais, advírtese ás persoas con prazas de aparcadoiro privadas nas zonas afectadas que non poderán facer uso delas entre as 21:00 e as 23:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.18293285369873