Manuel Pardo destaca que en Ourense hai preto de mil establecementos adhiridos ao programa Bonos Activa Comercio

OurenseXa
O delegado territorial subliñou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos
Manuel Pardo visita a libraría 'Tanco', en Ourense
Manuel Pardo visita a libraría 'Tanco', en Ourense
7 Nov 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este mércores á librería‘Tanco’, onde puxo en valor a boa acollida da nova edición do programa Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia entre os ourensáns.

O delegado territorial subliñou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos -xa hai arredor dun milleiro adheridos na provincia de Ourense nestes momentos- co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

Así mesmo, afirmou que “esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

O representante do Goberno galego lembrou que os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan sumándose desde o pasado 23 de outubro, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 15 de decembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde o luns na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.

Manuel Pardo detallou que os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas edicións anteriores desta iniciativa, iniciada no 2021, acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.

0.20317196846008