Manuel Rodríguez deixa a alcaldía de Coles tras 19 anos e Susana Rodríguez tomará o bastón de mando

O alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, anunciou este venres a súa renuncia á alcaldía tras 19 anos á fronte do Concello, unha decisión que se fixo efectiva durante o pleno celebrado na tarde de onte.
Rodríguez continuará formando parte da corporación municipal como concelleiro, e será relevado do cargo por Susana Rodríguez á que asegura, acompañará “coa mesma lealdade e compromiso”.
Na súa despedida, que foi rexedor de Coles durante case dúas décadas, explicou que se trata dunha decisión “moi meditada”, adoptada tras reflexionala coa súa familia e co equipo de goberno. Chega “o momento de concluír a miña etapa na alcaldía de Coles”, explicou Fernández, que deixa o cargo cunha “mestura de orgullo, satisfacción e profundo agradecemento”.
Despois de 19 anos de servizo á veciñanza, quixo agradecer o traballo e a dedicación de todo o persoal municipal, así como o compromiso e a lealdade do seu equipo de goberno, e tivo tamén palabras de recoñecemento para as veciñas e veciños polo apoio e a confianza depositada durante todos estes anos.
Rodríguez amosouse satisfeito polo camiño percorrido e sinalou que o Coles actual é “máis próspero, dinámico e solidario” que o que atoparon ao inicio do seu mandato. Ademais, destacou que deixa un equipo “comprometido e preparado” para afrontar os retos de futuro.
“Ser alcalde non é un oficio, é unha forma de vivir” e significa que “o teu teléfono nunca se apaga” e que “os problemas dos veciños e veciñas son os teus propios”, sinalou o xa exalcalde, que quixo pedir desculpas “por aquelas portas que non puiden abrir, por aqueles problemas que aínda non se solucionaron e polas decisións que, aínda que tomadas coa mellor intención, non foron do agrado de todos e todas”. Rodríguez concluíu a súa intervención sinalando que foi “unha honra inmensa” exercer como alcalde de Coles durante todos estes anos.