Máis de mil deportistas danse cita esta fin de semana en Ourense no Campionato de España Infantil de Kárate

O Palacio dos Deportes Paco Paz acollerá esta fin de semana o Campionato de España Infantil de Kárate, unha cita que reunirá máis dun milleiro de deportistas procedentes de toda España.
O evento, que se celebrará entre o sábado e o domingo, inclúe a Liga Nacional Infantil e a Liga Iberdrola Infantil, esta última centrada na promoción do deporte feminino. As competicións desenvolveranse nas modalidades de kata, kumite e parakarate, con participantes de entre 6 e 13 anos, que converterán Ourense no epicentro nacional do kárate base durante toda a fin de semana.
A presentación oficial tivo lugar esta mañá no propio recinto deportivo e contou coa participación de representantes do Concello de Ourense, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia, ademais dos responsables da Federación Galega e da Real Federación Española de Kárate.
As institucións destacaron a importancia do deporte base como ferramenta educativa e o seu potencial como motor do turismo deportivo. Nese sentido, reiteraron o seu apoio á organización de grandes eventos deportivos na provincia e a súa colaboración coas federacións para manter Galicia como sede habitual de competicións nacionais.
O presidente da Federación Galega de Kárate, Óscar Lafuente, lembrou que este é o décimo terceiro campionato organizado en Galicia desde 2020, mentres que o presidente da Real Federación Española, Antonio Moreno Marqueño, subliñou a relevancia de seguir impulsando eventos que fomenten valores como a disciplina, o respecto e o esforzo entre os máis novos.
Con unha previsión de máis dun milleiro de participantes e acompañantes, o campionato preséntase tamén como un impulso para a actividade económica e turística de Ourense durante a fin de semana.