Maxi Fernández, presidente da Escola Atlética Ben Cho Shey: “Somos unha gran familia”

A Escola Atlética Ben Cho Shey cumpre 35 anos promovendo o deporte entre os nenos e nenas do Pereiro de Aguiar. O próximo 18 de abril, con motivo deste aniversario e como homenaxe ao seu fundador, as pistas de atletismo Josefina Salgado, no Complexo Deportivo de Monterrei, acollerán o I Trofeo Germán González de Atletismo.
Hai dous anos, tras varias décadas á fronte da escola, Germán González deu un paso ao lado e deixou a dirección en mans de Maxi Fernández, quen nos conta como foron estes anos no club.

Como evolucionou a escola ao longo destes anos?
A nivel deportivo foi moi ben, non nos podemos queixar. Tivemos moitos atletas que participaron en campionatos a nivel nacional, incluso un campión de España. A nivel base tamén temos moi boas sensacións; contamos cunha boa base, temos a sorte de que veñen moitos nenos do colexio e tamén de Ourense e arredores, e a evolución dos nosos deportistas adoita ser moi boa. Ademais, temos unha pista estupenda que de feito acaba de ser arranxada. Iso si, temos claro que somos un club humilde, pero para estar no Pereiro desde logo que non nos podemos queixar.
Cales dirías que foron os maiores logros do club ao longo destes 35 anos?
O maior logro é levar aquí 35 anos ininterrompidos. Por suposto, tamén nos gustan os logros deportivos, pero para nós o máis importante é ter un bo grupo, que os nosos nenos e nenas sexan boas persoas, que lles guste o que fan e que o disfruten. Somos como unha gran familia. Agora mesmo temos arredor de 50 alumnos, somos unha piña, as familias involúcranse moito. Se de aí saen atletas para o Campionato de España, por suposto que o celebramos.
Como chegaches a ser presidente?
Levo dous anos como presidente, ata entón sempre foi Germán González. El estivo desde os inicios, fundou o club e presidíuno ata que decidiu xubilarse desa función máis burocrática, porque segue adestrando aos seus 71 anos. Eu nunca practiquei atletismo, pero as miñas fillas levaban xa anos no club, e cando Germán decidiu retirarse e manter só a parte técnica non atopaba a ninguén que quixese facerse cargo, así que eu propúxenme para axudar e aquí estou.
Como afrontas esta etapa?
Por sorte Germán deixou todo encamiñado. Nós somos un club sen ánimo de lucro, dependemos das subvencións, e iso é algo que leva tempo e traballo. Afortunadamente contamos con moita axuda por parte do Concello, que é o noso principal apoio. A verdade é que temos un concello que aposta moito polo deporte, non só polo atletismo. Tamén creo que a nivel provincial agora mesmo se lle está dando moita importancia aos deportes en xeral; de feito, temos tamén unha subvención da Deputación e outra da Xunta. Nós non lles cobramos aos atletas, salvo a licenza, que é obrigatoria, xa que todos os nosos deportistas teñen que estar federados. Por iso, temos que buscar outras formas de subsistir.

Como nace a idea de organizar este I Trofeo Germán González de Atletismo?
Falando co alcalde e con Germán González pensamos que tiñamos que facer algo que quedase para sempre, porque esta será a primeira edición, pero confiamos en que sexa de carácter anual. Ademais, queriamos facerlle unha homenaxe a Germán González pola súa traxectoria non só na escola, senón a nivel deportivo, porque é un referente no deporte da provincia. Consideramos que debía levar o nome do fundador, e ademais aproveitamos que é o 35 aniversario.
Que podemos esperar do trofeo?
Será a nivel nacional, aínda que teñen preferencia os deportistas da provincia. Ademais, é unha moi boa época, porque agora é cando a xente quere facer marcas e clasificarse para outros campionatos. Calculamos que teremos uns 300 ou 350 atletas. Para o atletismo a verdade é que é unha moi boa cifra.
Cal é o valor diferencial do atletismo respecto a outros deportes?
No atletismo compites contra ti mesmo; é un deporte moi individual, pero ao mesmo tempo tamén colectivo. Cando ves unha carreira de atletismo, os atletas sempre se abrazan ao final. Aquí, de feito, nas pistas de Monterrei adestramos varios clubs diferentes e a relación é moi boa, somos todos compañeiros. Hai moi bo ambiente tanto entre rapaces como entre adestradores e entre clubs. Por exemplo, no noso caso, este ano fixémonos filiais do Ourense Atletismo para poder participar nos campionatos de clubs, porque nós non temos o número mínimo de nenos para ir sós. Hai moi boa sintonía en xeral. Ademais, é un deporte moi feminino; aquí temos máis nenas que nenos. Hai, en xeral, moita diversidade, non só no noso club, senón no atletismo en xeral.