Medio centenar de persoas reuníronse no Campus de Ourense na primeira xuntanza en Europa do proxecto Ibero4Jobs
Arredor de medio centenar de persoas participa esta semana na Universidade de Vigo na primeira xuntanza en Europa do proxecto Ibero4Jobs. A iniciativa reúne a especialistas de universidades e organismos de Colombia, México, Portugal e España co obxectivo de mellorar os procesos de integración entre o ámbito académico e o empresarial, creando pontes entre eles que fomenten a empregabilidade do alumnado.
Lanzado en maio de 2023, o proxecto conta coa participación por parte europea da Universidade de Vigo, a Fundación Ronsel e o Instituto Politécnico de Porto (Portugal). Xa na parte iberoamericana, de Colombia están a Universidad de Caldas, a Universidad Autónoma de Manizales, a Cámara de Comercio de Manizales por Caldas e a Fundación Luker; e de México a Universidad Autónoma de Nayarit e a Universidad Tecnológica de Nayarit. Está financiado con arredor de 775.000 euros polo programa Erasmus+ da Unión Europea e coordinado pola Universidad de Caldas. O propósito da iniciativa é “mellorar a empregabilidade do alumnado das universidades socias, fortalecer as capacidades actuais das institucións participantes e transferir coñecemento que lles permita desenvolver as súas propias estratexias de conexión co tecido empresarial”.
Para acadar este obxectivo, Ibero4Jobs aposta por mellorar os procesos de integración entre a academia e o sector empresarial e produtivo mediante a transferencia de metodoloxías e boas prácticas das universidades europeas ás institucións de educación superior latinoamericanas. Así, parte da premisa de que “as universidades europeas contan con modelos de éxito en formación teórica e práctica que facilitan a transición da aprendizaxe ao emprego e dan resposta ás competencias e necesidades que demanda o mercado laboral, favorecendo a empregabilidade da mocidade”. Neste contexto, os socios participantes consideran que “traballar conxuntamente é fundamental para que as acciones, esforzos e capacidades de ambas partes impacten no desenvolvemento sostible das rexións e reduzan as fendas de desemprego na xente nova”.
Coñecendo boas prácticas
A primeira Semana de Estudo e Inmersión do proxecto arrancou este luns e martes no campus de Ourense, na Facultade de Educación e Traballo Social, e continuará o mércores e xoves no campus de Vigo. Amosando a súa satisfacción por acoller esta actividade, a coordinadora de Ibero4Jobs na Universidade de Vigo, a profesora da citada facultade Maribel Doval, explica que os obxectivos deste encontro son profundar no coñecemento de boas prácticas na temática do proxecto mediante “o diálogo activo e o traballo cooperativo e participativo entre os socios europeos e iberoamericanos”. Igualmente, a programación céntrase en perfeccionar as habilidades do profesorado iberoamericanos en relación con estas prácticas, “equipándoos para elaborar e prototipar solucións para as súas respectivas universidades e organizacións, influenciadas polos paradigmas europeos na materia”.
As sesións de traballo arredor do proxectos compleméntanse esta semana coa celebración de diferentes talleres con entidades, como Feuga, e visitas de interese, como á Confederación Empresarial e a Deputación de Ourense ou ao observatorio Nautilus, no porto de Vigo. Os socios tamén teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as facultades, escolas e traballo investigador da UVigo e diferentes empresas. As delegacións participantes de Ibero4Jobs continuarán a vindeira semana o seu traballo na sede do outro socio europeo desta iniciativa, o Instituto Politécnico de Porto (Portugal).