Mondra levou a música tradicional ao Campus de Ourense cun obradoiro sobre arte e educación

OurenseXa
O artista levou o seu programa “Mondra na Escola” á Facultade de Educación e Traballo Social, onde compartiu nocións básicas de cultura tradicional galega co obxectivo de que o alumnado poida integralas na súa práctica profesional
Mondra
13 Nov 2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores o obradoiro “Achega á música tradicional galega: de onte a hoxe”, impartido polo artista, cantareiro e bailador Mondra, quen compartiu co estudantado a súa visión da arte e a educación como ferramentas de transformación social.

Durante a sesión, celebrada na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, Mondra traballou co alumnado sobre a importancia de incorporar a cultura galega no seu futuro desenvolvemento profesional. O obradoiro esgotou as 30 prazas dispoñibles e contou coa participación de estudantes dos catro graos que se imparten no centro: Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social.

Segundo explicou a vicedecana Ana Mª Iglesias, a actividade forma parte do programa de normalización lingüística da facultade. A elección de Mondra, sinalou, responde a que “buscabamos traer para este obradoiro un referente actual, para que os alumnos e alumnas asocien a lingua galega tamén con figuras atractivas, que representan modernidade”. Engadiu ademais que “Mondra combina na súa música e na súa posta en escena esa tradición cultural galega con modernidade e diversidade”.

O obradoiro enmárcase no programa “Mondra na Escola”, que o artista desenvolve desde o curso 2024/2025 en distintos centros educativos de Galicia. “Esta é a primeira vez que o obradoiro se dá nunha facultade e faime especial ilusión compartilo co alumnado de Educación, porque eu creo na arte e na educación como transformadoras do mundo”, comentou o músico.

Mondra lembrou que hai apenas catro anos tamén era estudante universitario e que o seu primeiro traballo “semiprofesional” foi o seu Traballo Fin de Grao. Explicou que goza especialmente da parte pedagóxica da súa carreira, xa que a súa música “ten sempre un compoñente social”.

Ao longo do obradoiro, o artista foi compartindo co alumnado da Universidade de Vigo nocións básicas de cultura tradicional galega, co obxectivo de que poidan integralas na súa práctica profesional e contribuír así a reforzar a presenza do idioma e da cultura nos distintos ámbitos educativos e sociais.

⚙ Configurar cookies
0.077685832977295