Nace en Ourense a peña deportivista Fronte Xurés como novo punto de encontro para a afección do Dépor

Ourense conta desde esta semana coa súa primeira peña oficial do Deportivo da Coruña. Baixo o nome de Fronte Xurés, o colectivo vén de constituírse legalmente e ten a súa sede na Cafetería Fiadeiro, situada na Travesía Portocarreiro nº 1.
O obxectivo da nova peña é reunir e dar visibilidade aos seareiros deportivistas da cidade das Burgas e da súa contorna, creando un espazo común para seguir os partidos e compartir actividades arredor do equipo branquiazul.
Desde Fronte Xurés explican que están en plena campaña de captación de socios e animan a todas as persoas afeccionadas ao Dépor a sumarse, ben a través das redes sociais, por correo electrónico na dirección pdfrontexures@gmail.com, ou acudindo á Cafetería Fiadeiro os días de partido.
A peña xa ten programados dous eventos para este mes de novembro. O primeiro será o Magosto Deportivista, o sábado 16 ás 18.30 horas, coincidindo co encontro Córdoba-Dépor, no que se repartirán castañas de balde durante o visionado do partido.
O segundo acto será a festa-cea de inauguración, o sábado 29, tamén na Cafetería Fiadeiro. A xornada incluirá unha quedada ás 18.30 para ver o Albacete-Dépor, con sorteos e venda de material da peña, seguida dunha cea de irmandade ás 21.30 horas. O prezo da cea é de 25 euros e as inscricións están abertas ata o 26 de novembro.