Noelia Currás toma posesión como nova portavoz municipal do BNG na Merca

Noelia Currás tomou posesión esta semana como concelleira do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Merca, asumindo tamén a portavocía municipal da formación, nun momento que abre unha nova etapa para o proxecto do BNG no municipio.
Currás, nacida en 1985 e formada como traballadora social, conta con experiencia previa en diferentes responsabilidades orgánicas do BNG na comarca de Celanova e a Baixa Limia. A súa incorporación prodúcese nun contexto no que a formación nacionalista reforza a súa presenza e a súa vontade de consolidarse como alternativa política no concello.
A nova concelleira substitúe a Teresa Garrido, representante do BNG desde 2015 e candidata á alcaldía nos comicios de 2019 e 2023, quen presentou a súa renuncia tras máis de dez anos de traballo institucional e social. Desde o BNG puxeron en valor a súa contribución á consolidación dun proxecto nacionalista con implantación social e coherencia política na Merca.
Currás asume esta nova responsabilidade “con ilusión, humildade e un forte sentido do compromiso coa veciñanza”, e sinalou que o BNG continuará a desenvolver “unha labor política construtiva, firme e pegada á realidade do día a día do concello”.
Entre as liñas prioritarias do traballo municipal, a concelleira destacou a necesidade de avanzar en políticas de vivenda, mellorar a planificación e execución de obras e reforzar os servizos municipais básicos. “A Merca precisa dunha política útil, que pense no ben común e que poña no centro ás persoas, a través duns servizos públicos de calidade”, subliñou.
Currás referiuse tamén á importancia de mellorar a mobilidade, reclamando avances no transporte público que respondan ás necesidades da poboación, especialmente das persoas maiores e da mocidade. “Un concello vivo precisa conexións, servizos e oportunidades, e nesa liña imos seguir traballando desde o BNG”, indicou.
Desde o Bloque Nacionalista Galego da Merca reiteraron a súa vontade de continuar fortalecendo o proxecto nacionalista no concello, apostando por políticas deseñadas desde o territorio, coa participación veciñal e coa defensa dos intereses da Merca.