Nogueira de Ramuín pechará este mércores o prazo para participar na nova edición da súa Andaina Solidaria

O próximo sábado 29 de novembro, ás 10:15 horas, celebrarase en Nogueira de Ramuín unha nova edición da súa Andaina Solidaria, unha camiñada anual organizada para apoiar entidades que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade ou con discapacidade. Este ano, a iniciativa destinará os seus beneficios a ADO (Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense). Os participantes poderán inscribirse ata o mércores 26 de novembro, cun custo de 8 euros por persoa.
Os inscritos poderán escoller entre dúas rutas: unha curta de aproximadamente 8 quilómetros e outra longa de uns 14 quilómetros, ambas con saída desde a praza de Luíntra.
Ao rematar a camiñada, haberá un xantar de convivencia e un sorteo de agasallos para todos os asistentes. Desde o Concello animan a participar nesta cita solidaria que promove a inclusión e o apoio a quen máis o precisan.