Nogueira de Ramuín será a sede do Congreso Internacional 'Fontes'
Nogueira de Ramuín acollerá os días 27, 28 e 29 de outubro, o Congreso Internacional 'Fontes', que terá lugar no parador de Santo Estevo, mesmo escenario no que o pasado ano se organizou un primeiro encontro internacional con expertos sobre paisaxes culturais da auga.
A finalidade, explicou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, é “darlle o respaldo e un importante impulso” a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.
Asistencia do embaixador de España ante a Unesco
A directora xeral de Patrimonio Cultural salientou o feito de que o embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, amosoulle persoalmente ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a súa intención de asistir a este congreso, cando recentemente lle entregou en París o primeiro avance do expediente da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga.
O encontro internacional contará con especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais. Sumaranse tamén representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas. Martínez celebrou a “alta e ampla implicación” de sectores vencellados co patrimonio, coa cultura e co turismo, ao tempo que agradecemos o interese de todos eles “en traballar a prol de revitalizar a candidatura” co obxecto de acadar no Consello do Patrimonio Histórico, que se celebrará en 2026, “este merecido recoñecemento para a Ribeira Sacra”.
Finalmente, explicou que a finalidade deste congreso internacional é afondar, establecer sinerxías e debater sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial co propósito de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra.