Nove ourensás foron galardoadas nos premios Xuventude Crea 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o “talento” e o “gran potencial” da mocidade galega durante a gala de entrega dos premios Xuventude Crea 2024, un certame, dixo, “que ten gran repercusión para os nosos creadores e creadoras á hora de dar a coñecer o seu traballo, como así o demostra a gran reposta que tivemos nesta edición”. Así, tal e como lembrou, esta décimo quinta convocatoria foi a que obtivo máis participación, con 627 persoas inscritas, o dobre do ano pasado.
O certame, organizado pola Xunta de Galicia para incentivar a creación entre os mozos e mozas e impulsar os seus proxectos, apostou este ano “por ofrecer como máis visibilidade e proxección coa presenza en eventos relevantes do sector artístico internacional e coa posibilidade de participar en programas de formación”, como así o explicou López Campos. O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola diretora xeral de Xuventude, Lara Meneses e vários membros do seu equipo, tamén quixo alentar para o futuro “non só ás persoas que hoxe reciben os galardóns, tamén a todas as persoas que participaron nas diferentes modalidades e tiveron a oportunidade de mostrar o seu bo facer nas distintas finais celebradas”.
Neste senso, o responsable de Xuventude da Xunta gabou a calidade dos traballos presentados en moi diversas disciplinas nunha edición que, apuntou, “tamén se caracterizou pola transversalidade nas políticas públicas que teñen que ver coa mocidade”. Referiuse así á coordinación con outros departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Deste xeito, o certame incluíu desta vez a persoas galegas residentes no exterior, que viaxarán á Comunidade mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto. Pola súa parte, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras da sección Pro na categoría de teatro, impulsando o lanzamento da súa proposta artística.
16 categorías premiadas
Os premios do Xuventude Crea 2024 recaeron en 16 modalidades, dúas máis que o ano pasado. Como novidades, incorporáronse nesta edición as categorías de creación de contido e Dj, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, no caso do teatro dividiuse en duas seccións, con cadanseus recoñecementos: o apartado Amador para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, e o apartado Pro para compañías de nova creación, profesionais emerxentes, grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
Presenza ourensá entre os traballos galardoados
Por un lado, a ourensá Alba Guzmán gañou o primeiro premio na especialidade de novela curta grazas á súa obra ‘A vinganza de Paquiño Jackson’, mentres que o celanovés, Alexande Guerra, fixo o mesmo na categoria de poesia con ‘Anfisbena do salitre’. O terceiro premio nesta cateogoría tamén foi para unha ourensá, neste caso para Sofía Fernández, de Allariz, polo seu poema ‘Canícula’.
Jennifer de la Torre obtivo o segundo premio á banda deseñada, polo seu traballo ‘Señardade’, mentres que, Iria Fernández gañou o terceiro premio á creación de contido polo seu traballo ‘Metamorfose mariña’.
Em Teatro, a compañía t.E.T.a, de Ourense, gañou o segundo premio coa peza ‘Que importante é e que pouco se fala’, mentres que Esteta, de Taboadela, logrou o segundo premio na categoria Amador con A puta namorada.
Finalmente, foi galardoado co primeiro premio en videocreación Mario Fernández, do Carballiño, coa obra Liminal Station e Esperanza Valentina Castro, de Ourense, con Necesidade existencial.