O alcalde empraza os grupos municipais a valorar a supresión da ORA
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira reuníronse esta mañá cos portavoces dos grupos políticos municipais para abordar a supresión da ORA.
O rexedor comunicou a PP, PSdeG-PSOE e BNG que o goberno municipal de DO valora proceder á supresión da ORA e emprazounos a que manifesten se estarían dispostos a aprobar esta medida a través dun acordo do Pleno.
Neste senso, informou que desde os servizos xurídicos municipais existen dúas posturas discrepantes en relación ao procedemento que se debería seguir para suprimir a ORA, xa que formulan dúas posibilidades diferentes. Unha sería a cancelación do sistema por acordo do goberno municipal e a outra, a súa supresión a través dun acordo plenario que anule a ordenanza reguladora actualmente vixente.
Neste escenario, o alcalde solicitou os grupos que manifesten se estarían dispostos a apoiar o acordo plenario. De ser o caso, o Concello optaría por esta vía. Os grupos expresarán a súa opinión a semana próxima.